Sunday 28 de April de 2024

O proxecto pobrense “A todo piñón” presenta unha iniciativa solidaria a través da doazón de bicicletas


A iniciativa “A todo piñón”: escola de segunda oportunidade do Barbanza, impulsada polo Concello da Pobra do Caramiñal co apoio da comunidade educativa e o tecido empresarial, leva en funcionamento dende o verán e agora dá un paso máis cara á época do Nadal.

Trátase dunha acción de carácter solidario que consiste na recollida de bicicletas, triciclos e patinetes en desuso, así como de pezas, para proceder coa súa reparación e destinalos a nenos, nenas e outras persoas que o precisen.

Desenvolverase do día 24 de novembro ao 20 de decembro cos seguintes puntos para o depósito destes vehículos de tracción humana: en Cáritas da Pobra do Caramiñal, de Ribeira, no CPR Divino Maestro e no Departamento dos Servizos Sociais pobrense.

Manuel Pérez e Iago Pérez, dous dos participantes no proxecto, animan a que quen teña bicicletas, triciclos e patinetes sen utilidade lles dea unha segunda vida para contribuír a unha boa causa. Eles, ademais, recibiron un kit de ferramentas para a restauración da man de Susana Loroño, coordinadora de proxectos da cooperativa Dálle que Dálle, e de Pepe Martínez, técnico en actividade física e deportiva que imparte a parte da reparación das bicicletas.

A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, incide en que o dito proxecto formativo ten como obxectivo mellora-las competencias prelaborais e profesionais da xente moza de entre 16 e 30 anos de toda a comarca a través da mobilidade sostible e a economía circular, ao tempo que se busca contribuír á creación de emprego na localidade.

No que respecta á matrícula, continúa aberto o prazo, tal e como apunta a directora do CPR Divino Maestro, Chefa Bretal.